Saturday 27 de April de 2024

Susana García clausura o curso ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións’


Ordes conta con quince novos titulados con certificado de profesionalidade para poder traballar no sector. A concelleira animou a todos a rexistrarse nas bolsas municipais de emprego

Susana García, concelleira de Educación, clausurou o curso ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións’ que dende o pasado mes de xullo se desenvolveu no concello de Ordes. Nel participaron un total de quince alumnos e alumnas que recibiron formación teórica e práctica ao longo de 470 horas. Unha vez completado o dito curso obtiveron o certificado de profesionalidade de nivel 2.
A partir de agora os novos titulados terán a posibilidade de traballar como auxiliares de axuda e asistentes de atención en institucións, ou como coidadores de persoas maiores, discapacitadas ou convalecentes. Neste aspecto Susana García animou a todos e todas a “incluír os seus datos nas bases dedicadas á busca e promoción de emprego”, así como a “facer uso da bolsa municipal, sobre todo na específica á atención sociosanitaria”. A concelleira destacou a oportunidade que esta titulación lles supón a todos e todas para poder desenvolver un traballo no eido da xerontoloxía, que cada vez solicita máis profesionais”.
Programa temático completo
Entre as temáticas e aspectos que se incluíron no curso están: Apoio na organización de intervencións no ámbito institucional (100 horas); atención hixiénico-alimentaria e sociosanitaria (140 horas); apoio psicosocial, atención relacional e comunicativa (130 horas); módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas); inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero (10 horas); formación para a igualdade (8 horas).
Por parte do alumnado destacouse a calidade do curso, así como os períodos de prácticas nos que puideron poñer de manifesto os contidos teóricos adquiridos. En total foron 80 horas desenvolvidas en espazos como centros de día ou residenciais. Neste eido e tratando de aproveitar recursos e sinerxías tamén se traballou co grupo que asiste ao curso de Habilidades Sociais que se imparte no Mesón do Vento.
A partir de agora, e grazas aos coñecementos e profesionalidade adquirida, co labor destes novos titulados poderase aumentar o grao de autonomía persoal e as relacións co seu contorno por parte daquelas persoas dependentes ás que atendan no ámbito sociosanitario.